Ir arriba

Martes, 19 de Marzo do 2024

Cargando ...
/
o tempo
Búsqueda de artículos

Historia

Hai miles de anos en Castrelo de Miño...

Relatar unha historia, poñamos por caso, de máis de 5.000 anos non resulta tarefa fácil. Tentar que a súa lectura resulte atractiva espertando a curiosidade polos avatares históricos destas terras, é pouco menos que Misión Imposible, pero a iso imos.

Prehistoria

Idade dos metais. IV milenio-Século I a.C.
A remontarnos á PREHISTORIA, da que nos dan conta os diversos xacementos arqueolóxicos cos que contamos no Ribeiro, e que no caso de Castrelo de Miño temos a fortuna de conservar importantes dos seus vestixios, destacando na cobertura das diferentes etapas da Idade dos Metais. Así que daremos unha volta prehistórica polo concello:

En Galicia, a cultura megalítica aparece a finais do Neolítico, V milenio a.C., e manterase ata o III milenio a.C, é dicir, na Idade dos Metais. Alá polo 3.000 a.C., cando se consensúa, comeza a IDADE DO COBRE ou Calcolítico, temos xa constancia da capacidade construtora e o seu sentido relixioso. As mámoas revélannos este culto funerario, datadas neste período megalítico contamos cun bo número delas dispersas polo noso territorio, así, as Mámoas dá Veiga de Arriba, en Reigoso ou as Mámoas do Vedado do Roxón, en Macendo; necrópoles con cinco e tres túmulos, respectivamente. Pero temos máis destes túmulos, como a Mota do Areal, no Alto dás Furnias en Santa María, ou a Mota dá Serra, no Vedado do Roxón, en Santo Estevo.

Coa metalurxia iníciase a IDADE DO BRONCE, 1.800-700 a.C., da que atesouramos auténticas xoias como os Petróglifos de Reigoso, nos que se poden ver diferentes representacións entre as que caben destacar as coviñas, algunhas delas aliñadas, cruciformes, círculos e gravuras cuadrangulares, destacando unha representación topográfica e unha especie de ábaco rupestre. O Panel, na parte superior dos regatos de Novelle e Os Charcos ou ou Petróglifo de Vide, mencionado como gravura de Ribadavia, do que Barros Silvelo enviou un debuxo ao Museo Arqueolóxico Nacional en 1868, xunto co Abrigo da Canteira, en Santo Estevo, ou de Santa Lucía, en Astariz, auténticas moles graníticas en forma de cova, boas probas deste período.

Xa na IDADE DE FERRO, 700-19 a.C., coa cultura castrexa desenvolvéndose sobre todo, na súa segunda metade, en coexistencia coa romanización, dispoñemos dos restos dos seus recintos fortificados coñecidos como castros. As Cavadas no Padreiro, o mitificado Castrum Minei, polo que aínda se coñecía no medievo, o Castro de Macendo ou o de Outeiro e o de Santa Lucía, xa romanizados.

Neste último xacemento realizouse unha primeira intervención arqueolóxica no verán do 2016, grazas ó convenio subscrito entre o Concello de Castrelo de Miño e a Universidade de Vigo, a través do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (GEAAT). Estes traballos seguíronse durante o ano 2017, en especial nos meses de verán.

Galería de fotos

Gravado
Gravado de Reigoso
Traballos de excavacacións no Castro de Santa Lucía

Historia Antiga

Século I a.C.-V d.C.
E entramos na HISTORIA ANTIGA. En Galicia a romanización produciuse de maneira tardía, a finais do século I a.C. Os castros foron perdendo o seu valor defensivo e empezan a primar outro tipo de construcións, como as mineiras. Así, encontramos as de Os Cotos, en Prado e Astariz, os Pozos de Monte Rosario, en Macendo, ou o Lavadoiro de Prado de Miño.

Tamén se conservan restos dunhas termas en O Diestro, cepas dunha Ponte e as vías de comunicacións, como as catro das que temos constancia e que se converterían nos camiños medievais que conservamos:
  • Camiño Ponte Castrelo-Ourense por Prado, Vide e Astariz.
  • Camiño Ponte Castrelo-A Arnoia por Reigoso ou O Camiño Miñoto Ribeiro.
  • Camiño Ponte Castrelo-Celanova por Os Noallos.
  • Camiño Ponte Castrelo-Ourense por Macendo.
Non escasean as referencias á aparición de material desta época romana, xa sexan moedas, tégulas ou lápidas con inscricións.

Nesta época tamén se produciu a entrada do cristianismo, substituíndo aos poucos ao paganismo imperante.

Respecto as termas de O Diestro, conta unha lenda que o criado de San Telmo levaba en dous caldeiros as Burgas para colocalas en Ribadavia pero que os veciños da vila apedrárono e saíu escapando, levándoas a Ourense. De camiño, das pingas que se lle verteron na fuxida naceron estas fontes termais. Tendo en conta que Pedro González Telmo viviu séculos despois, a lenda manifesta o aprecio que se tivo por estas augas ao longo dos tempos e o costume de cristianizalo todo.

Pero non é fácil borralo todo, como nolo lembra o propio Coto de Novelle ou Coto de Navia, como afirma Frutos Fernández González no seu artigo O Coto de Novelle, publicado en La Región (26/03/2017), porque así aparece nun documento de Celanova de finais do século X. Nada menos que a deusa céltica Navia, vinculada aos ríos e aos vales, e que podería traducirse como a barqueira. O carácter sacro deste espazo queda xa fóra de toda dúbida. A intensa presenza arqueolóxica na zona, xa comentada, e a toponimia confírmannolo.

Segundo a mitoloxía, esta deusa fai de mensaxeira da morte e condutora das almas á morada dos defuntos. Aspecto que sobreviviu en advocacións como á Virxe da Barca, por exemplo. E unha mostra máis do costume de cristianizar os cultos pagáns.

Galería de fotos

Lagar romano en Santa Lucía
Termas de O Diestro
Vistas de Castrelo desde Coto Novelle

Historia Medieval

Séculos V-XV
E é que coa chegada dos suevos, no século V, cando comeza a nosa flamante HISTORIA MEDIEVAL como o reino independente da Gallaecia ata a invasión dos visigodos no 585. O avance do Islam no século VIII viuse moi limitado ante o da Reconquista, así, aínda que o noso territorio foi inicialmente incorporado ao reino de Asturias, pronto se coñecería como o Reino de Galicia.

O século IX, co descubrimento do sepulcro do Apóstolo, inaugura un novo período de esplendor para estas terras, coñecidas un século despois como A Castela Auriense pola cantidade de fortalezas como a de Castrum Minei. Tamén destacan acontecementos como a presencia do rei Sancho Ordóñez (895-929), rei de Galicia subordinado ao rei de León desde o ano 926 ata a súa morte, e o desexo de profesar aquí a súa viúva, dona Goto (900-964), xa que tras a morte do seu esposo o cadáver recibiu sepultura no mosteiro de Castrelo de Miño.

Outro acontecemento a destacar é o da morte do rei Sancho I de León (935-966), chamado O Craso, que faleceu -segundo a crónica de Sampiro- ao ser envelenado no mosteiro de Castrelo de Miño polo conde rebelde Gonzalo Menéndez, quen lle deu unha mazá ponzoñosa. Recibiu sepultura no mesmo mosteiro e, posteriormente, os seus restos foron trasladados á cidade de León.

Neste sentido, sinalar tamén os episodios tristemente coñecidos dos apresamentos de Xelmírez (1069-1149), Bispo desde o 1100 e Arcebispo vinte anos despois da Arquidiocese Católica de Santiago de Compostela, que poñen de manifesto a importancia deste territorio no devandito período histórico.

A historia da igrexa de Santa María pódese remontar ao século X onde existía o mosteiro no que profesaba dona Goto, viúva do rei de Galicia, e do que era abadesa no ano 964. Da antiga construción consérvase a torre e unha ábsida románica, sendo reconstruída en 1763 en estilo barroco. Baixo as ordes de Francisco de Acosta y Caballero.

Encravada neste montículo, sabemos tamén da existencia dunha fortaleza e temos constancia doutra que, situada alén do río, retrata de maneira impecable as construcións da época. É dicir, dúas fortificacións en lugares elevados vixiando o paso do río.

Dous séculos máis tarde, este sería o escenario de dous importantes episodios da nosa historia, os feitos acaecidos entre Diego Xelmírez e dona Urraca, que como se nos conta na Historia Compostelana, acabarían co apresamento do prelado en dúas ocasións.

O primeiro deles prodúcese no ano 1111, en relación coa mencionada fortaleza onde se atopaba o fillo de dona Urraca ao coidado da condesa de Traba. Fíxose necesaria unha capitulación na que tiña que estar presente o Prelado de Compostela e, cando este acudiu, Arias Pérez, que presidía a Irmandade de nobres, apresounos. Xelmírez enseguida foi liberado (e, máis tarde, seríano tamén os demais) producíndose a coroación do pequeno o 17 de setembro na catedral de Santiago polo propio Xelmírez, como rei de Galicia.

O segundo apresamento produciríase no ano 1121. De volta de Portugal, a hoste real acampou en Santa María e por orde da raíña as tropas de Xelmírez atravesaron o Miño para logo facelo ela xunto co seu fillo e o propio Xelmírez, pero cando os soldados alcanzaron a beira, dona Urraca ordenou o arresto do Arcebispo e da familia.

Xa vemos como eran aqueles tempos.

O núcleo de Santa María e a súa igrexa son un bo expoñente desta época, o igual que a Igrexa de Prado e ou seu priorado, ou a antiga Casa do Concello, en Santo Estevo, sen esquecernos da Ponte de San Telmo, tantas veces nomeada. Así aparece descrita no Madoz:
  • "Hubo un puente famoso que dio nombre á la ant. Jurisd. de Puente Cástrelo; constaba de 8 arcos casi iguales según aparece por los vestigios; ignórase el año en que fué construido, aunque tradicionalmente se dice, que lo mandó hacer San Pedro González Telmo, quien vivió en sus inmediaciones, y posteriormente en una grande avenida se atravesó en uno de los arcos un grandísimo nogal, que impidiendo el libre curso de las aguas fué causa de su ruina y de notables daños á este é inmediatos pueblos en ambas márgenes del río, quedando aislados ó sin comunicación entre sí, hasta que se construyó la barca que navega inmediata á las mencionadas ruinas..."
Este esplendor entraría en declive a partir do século XIII ao trasladarse o centro de poder a Castela, concluíndo coa Revolta Irmandiña contra os señores das fortalezas, na que participaron todas as clases sociais, aínda que, maioritariamente, como apunta Carlos Barros no seu artigo Lo que sabemos de los irmandiños (Os capítulos da Hermandade. Peregrinación e conflito social na Galicia do século XV, Santiago, 2006), compuxésese de campesiños, pescadores e artesáns:
  • "Todos los grupos, estamentos y clases sociales que se comprometieron, más o menos activamente, con la revolución irmandiña ganaron con la ruptura histórica que ella provocó, al pasar de la Galicia de las fortalezas, de la nobleza devastadora y de la renta puramente feudal a la Galicia de los pazos, de la hidalguía intermediaria y de los contratos del foro."

Galería de fotos

Detalle da ábside da Igrexa de Santa María
Raíña Dona Urraca
Rei Sancho I de León
Torre da Igrexa de Santa María
Vistas da Igrexa de Santa María desde o río Miño

Historia Moderna

Séculos XV-XVIII
Así comeza a HISTORIA MODERNA nestas terras, a finais do século XV. A estabilidade política e o descabezamento da nobreza darán lugar á prosperidade dos fidalgos, que vivían nos pazos do cobro dos foros, e tamén á decadencia do galego, os chamados séculos escuros.

A destrución da ponte medieval, a mediados do século XVI por unha riada, é fiel reflexo da decadencia que asolará estas terras neste novo período. Ó ter que atravesar o Miño en barca, fará que Castrelo perda a súa preeminencia no paso do río, ademais dos problemas que isto ocasionaba dado o perigo que supoñía para viaxeiros e mercadorías. Pero en canto as nosas terras, facéndonos eco do manifestado por Samuel Eiján, na súa Historia de Ribadavia y sus alrededores:
  • "Fue aquella, en verdad, la época más envidiable de su comercio de vinos, de cuya fama se hacen eco Cervantes, en El Licenciado Vidrieras, Mendoza en su Estebanillo y Valbuena en su Bernardo del Carpio (2). Lucio Marineo Sículo, que publicó en 1533 De las cosas memorables de España, lo encomia ya y califica de «muy nombrado», pregonando así sus altos prestigios (3). Cuando, luego, a mediados del siglo XVI escribió el Licenciado Molina, ya los vinos del Ribero alcanzaban mundial renombre «como los mejores… del mundo en fama y en obra, los cuales se llevan a Roma, y a toda Italia y a muchas otras partidas do se estiman en mucho, mayormente que, trasplantados, y sacados deste Reyno, se mejoran por allá en gran manera» (4). En el antiguo Diccionario Geográfico, traducido del inglés por D. Juan de la Senra (5), se asegura que el Ribero «produce el mejor vino de España, que se saca para Flandes, Alemania y otras partes de Europa». Antes ya de este autor, en 1626, nos anuncia el Obispo, señor Muñoz de la Cueva, que «los vinos más generosos son los de las Riberas del Avia, celebrados en toda la Monarquía, y muy solicitados en Flandes, Olanda y Inglaterra» (6)"
Do primeiro período renacentista destacan as pinturas murais da igrexa parroquial de Santa María de Castrelo (1560), aínda que a maior parte do noso patrimonio desenvolverase co esplendor do barroco, entre mediados do século XVII e mediados do XVIII.

A este período corresponde a maioría do patrimonio, tanto relixioso como civil, e tamén as barcas, como a de Portomiro, ademais dalgúns cruceiros, como os de Macendo ou Vide.

En canto as igrexas, destacar as de Astariz, Tallón, Santo Estevo e Vide, xunto cos seus cemiterios e casas reitorais. Sen esquecernos dos retablos, como os do artista valisoletano Antonio Salvador Carmona, en Santa María de Astariz.

Tamén se conservan núcleos singulares como os de Astariz, Freás, Barral, As Bouzas, Ramirás ou Santo Estevo. Xunto cos seus pazos e casas grandes, como o Pazo de Troncoso (Astariz), Casa da Capela (Barral), Casa Grande de Pazo (Santa María), Casa con portón e escudo de Souto (Santo Estevo), Pazo da Torre con escudo e capela (Vide), Casa do Casar ou do marqués (Vide), entre outros.

Para o Pazo dá Cavadiña, en Astariz, manéxase como data máis segura a de 1816, en que era dono do mesmo Antonio Araújo.

Galería de fotos

Igrexa de Macendo
Igrexa de Santo Estevo
Pinturas murais da Igrexa de Santa María
Retablo da Igrexa de Astariz

Historia Contemporánea

Séculos XIX-XX
O caciquismo, o éxodo cara ás cidades e a emigración marcarán a nosa HISTORIA CONTEMPORÁNEA, xunto co xurdimento dos primeiros movementos políticos en defensa de Galicia e o Rexurdimento, que supuxo a recuperación da lingua galega.

Desta época contamos coa igrexa de Nosa Señora das Neves de Barral e moitas das capelas, como Santa Lucía, Reigoso ou Albín. Tamén son de esta época moitos dos cruceiros, cruces, fontes, lavadoiros, hórreos, muíños e adegas, sen esquecer as vivendas. Pero se houbese que destacar algunha construción, sen dúbida, esta sería a estrada Ourense-San Clodio e a súa ponte, xunto co salto de Castrelo.

Os queixumes polo mal estado dos camiños en Galicia é unha constante ao longo dos séculos, do mesmo xeito que a reconstrución da ponte de Castrelo, pero houbo que esperar ata o século XIX para ver atendidas as demandas. Respecto á ponte, comentamos xa as reiteradas citas da súa necesidade de reconstrución, que por forza levaría implícito a do seu correspondente traxecto. Así, no controvertido debate da construción da tan ansiada estrada de Villacastín a Vigo, Castrelo de Miño apareceu como a candidatura máis factible, segundo apréciase no Informe Viso (Suarez Freire, J.F.: Viaje a Galicia desde la Villa de Benavente, o breve descripción de sus dos carreteras: de la construida desde Astorga y de la que debe de construirse desde la villa de Benavente a la ciudad de Orense, Santiago y Vigo. 1813):
  • "Para ir de Orense a Ribadavia se ofrecen tres rutas poco mas ó menos de iguales distancias, la una pasando por el gran puente y tomando por la derecha del río Miño á los lugares de Canedo, Untes y otros; otra por la orilla izquierda del mismo río hasta la barca de Barbantes, y otra por el mismo lado izquierdo del río separándose un poco de la antecedente direccion. ….Y la tercera, aunque tiene un poco de cuesta que montar, es la que se dice presenta menores obstáculos y costes. Por esta razón se hará sólo descripcion de ella como la mas proporcionada, pero sin pretender por eso se dexen de examinar las otras dos direcciones, por si puede haber alguna mayor ventaja por cualquiera de ellas.

    De Orense á Ribadavia 4 leguas. A Hervedelo ½. A Toen ½. A Longos 3/4. A Vide 1. A Prado de Miño ½. A Castrelo ½. A Rivadavia ¼..."
Respecto a ponte, o mesmo informe apunta que:
  • "En Castrelo hubo puente sobre el Miño hasta entrado este siglo para ir á Ribadavia, del que se conservan todas sus cepas. En el año 91 se trató por el Gobierno de reedificarlo á instancias de dicha villa, y aunque con efecto pasó de órden de aquel á reconocerlo y levantar su plano facultativo, parece impidió la execucion el activo manejo de los dueños de la barca que substituyó al puente, para no perder la utilidad de 25 á 30 reales que les produce de arrendamiento al año."
Finalmente, será co proxecto da estrada Ourense-San Clodio cando se faga realidade esta centenaria demanda. Así, a ponte sería deseñada por León Domercq en 1887, o proxecto retomaríao en 1893 Fernando Martínez Azúa pero sería Martín Díez da Banda, a principios do século XX, o encargado de levala adiante. A contrata foi adxudicada a Hilario de Sertucha e Sarachú, da Sociedade Española de Construcións Metálicas de Talleres de Zorroza, por iso é polo que apareza este nome na placa da ponte con data de 1907.

O encargado do tramo da estrada onde se situaba a ponte foi Salustiano Martínez Sancho (21/03/1894) a adxudicación da construción da ponte foi a parar a José Rodríguez Sotelo (08/08/1894) cun prazo de execución de seis anos, que se foi prorrogando sucesivamente. En 1901 o enxeñeiro encargado da estrada foi José Roibal, a continuación Martín Díez da Banda, sendo enxeñeiro xefe de Obras Públicas e revisor do proxecto Sebastián Martínez-Risco e Pérez-Santamarina. A recepción total da obra do tramo de estrada foi o oito de outubro de 1912 (Arquivo Histórico Provincial de Ourense: Obras Públicas y Urbanismo. Jefatura Provincial de Carreteras. Cajas 3005-3007. Ourense no tempo. 14/11/2014).

Por desgraza, as noticias desta ponte seguirían facendo historia no noso concello durante o século XX, en relación aos sucesos acaecidos coa Guerra Civil, xa que foi a localización elixida para facer desaparecer á xente.

Na terceira das obras, a construción do salto, tamén se repetiron as demandas, pero en sentido inverso, é dicir, solicitando que non se levase a cabo. Son abundantes as referencias en prensa e os manifestos dos intelectuais da época, unha auténtica marea en defensa destas terras que, aínda que non conseguiu paralizar o proxecto, supuxo un antes e un despois na Galicia do Antigo Réxime. O problema de Castrelo de Miño, como se lle chamaba, mobilizou a toda a sociedade e o conflito campesiño serviu de causa aberta para tentar saldar contas coa ditadura.

En 1945 dáse comezo ao expediente de declaración de utilidade pública, o que terá lugar quince anos despois. En 1963 nomease unha Comisión Interministerial para estudar a repercusión social das obras, dous anos despois surxirían os tercios de asalto e en 1967 firmaríase un acordo amistoso entre Fenosa e os afectados, producíndose a inundación das terras en novembro de 1968. Arturo Reguera ao titular o seu libro Castrelo de Miño. Loita, represión, espolio, desastre ecolóxico, desastre humano. (Fundación 10 de marzo, Compostela, 2016), fixo un bo retrato da realidade dos feitos.

Galería de fotos

Detalle da ponte de ferro
Interior da Igrexa de Barral
Presa de Castrelo de Miño
Concello de Castrelo de Miño

Avda. do Concello, 18 - 32430 Castrelo de Miño (Ourense)
Telf. 988 493 000 | Fax 988 493 100

Copyright © 2017 Concello de Castrelo de Miño. - Todos os dereitos reservados // Privado - Deseño, maquetación e programación web a medida Grupo5.com